As Pelusiñas e o Legado das Cantareiras

En conmemoración do Día das Letras Galegas, a asociación folclórica Os Gatiños de Portonovo confiou en nós para o desenvolvemento dun proxecto educativo e cultural co obxectivo de conectar as novas xeracións coas súas raíces. O resultado foi a iniciativa «As Pelusiñas e o Legado das Cantareiras», un proxecto de divulgación cultural que uniu o coñecemento ancestral coas novas tecnoloxías.

O noso traballo consistiu en planificar, dirixir e executar un proxecto integral, centrado na figura das cantareiras e na tradición oral galega. As nenas e nenos convertéronse en protagonistas activos dunha viaxe pola nosa cultura que se plasmou en catro vídeos, cada un correspondente a unha etapa do proxecto:

  • 1. As Pelusiñas van de recollida: Este vídeo documenta o traballo de campo, as entrevistas a maiores e a recompilación de coplas e refráns que forman parte da tradición oral galega.

  • 2. As Pelusiñas son lectoras: Un vídeo que mostra como as novas xeracións se achegan aos xéneros literarios e á lingua galega de forma lúdica.

  • 3. As Pelusiñas e Lara Naveiro: Unha peza que inmortaliza a colaboración coa recoñecida pandereteira, establecendo unha ponte entre xeracións e reforzando a aprendizaxe directa coa música.

  • 4. As Pelusiñas son artistas: O vídeo final onde a rapazada demostra como o noso patrimonio cultural pode ser divulgado a través das novas tecnoloxías.

Este proxecto «As Pelusiñas» é un claro exemplo de como o deseño, a produción audiovisual e a planificación de contido poden servir para preservar e promover o noso patrimonio cultural. Estamos orgullosos de ter colaborado nunha iniciativa que fortalece a identidade galega de forma lúdica e participativa.

Scroll al inicio